Deteñen unha nova persoa en Lugo polos asaltos ás máquinas expendedoras
Unha máquina situada xunto a unha lavandería é a última asaltada en Lugo. No chan aínda se poden ver os restos dos cristais que evidencian a violencia coa que se asañaron coa dispensadora. Neste caso investigan como autor dos feitos un home de 35 anos ao que sorprenderon non só rebentando a máquina senón tamén causando numerosos estragos nos portais da zona. As cámaras de vixilancia do negocio fixeron posible identificar o ladrón e detelo.
Así o explicaba, Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo: "Estaba bastante alterado, primeiro tomouna coa máquina e posteriormente empezou a causar danos nos portais da zona".
As cámaras de vixilancia do negocio fixeron posible identificar o ladrón e detelo. Está acusado dun roubo con forza, pero tamén de atentado á autoridade polo seu comportamento violento cos axentes que o trasladaron á comisaría. O roubo súmase á vaga que se vén rexistrando nestas máquinas dende o verán. Os donos destas dispensadoras de bebidas e larpeiradas acumulan cuantiosas perdas e xa comezaron a retiralas dos lugares máis afastados, como pistas deportivas.
"A recadación que levan é moi pequena, os propietarios destas empresas baileiras as máquinas de xeito aleatorio, polo que nun momento dado pode haber 50 ou 60 euros. É maior o dano que causan que o que levan, por iso xa se están retirando máquinas das zonas nas que son se poden instalar cámaras de vixilancia", manifestou Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional de Lugo.
Con esta son tres as detencións que se realizan na cidade nunha soa semana por estes roubos. Dous dos autores eran menores. Dende o Concello e a Deputación estudan reforzar a seguridade con videovixilancia e alarmas nas zonas deportivas onde se localizan moitas das máquinas.