Deteñen unha muller en Vigo por unha presunta agresión a un policía
Algunhas testemuñas presenciais contan que se formara aquela noite un grupo de xente arredor da música dunha artista que estaba tocando na praza da Constitución, na cidade vella viguesa. Segundo elas, unha patrulla da Policía Local achegouse ata alí e comezou a separar a concorrencia, que reaccionou expresando verbalmente a súa desconformidade coa actuación policial.
No atestado consta que un home se parou diante do coche patrulla e que tentou agredir cun vaso o axente que se dirixiu a el e a quen, finalmente, lle botou enriba a bebida. Xusto cando o estaba detendo, relata o informe, unha muller achegouse ao policía polas costas e empezou a darlle puñadas e patadas para despois bulir cara ao interior dun dos establecementos da praza, onde foi arrestada por un presunto delito de atentado contra axente da autoridade.
As testemuñas din que a suposta agresora protestaba pola detención do primeiro individuo e fontes policiais confirmaron que non existe relación algunha entre ambas as dúas persoas.