CRTVG

Buscar

Deteñen un veciño de Rianxo por tenza ilícita de armas

Publicado o 05/12/2018 14:37

O amplo dispositivo despregado por axentes da Unidade de Delincuencia e Crime Organizado da Coruña na rúa Irmáns Insua de Riaxo rematou coa detención na vivenda situada no número 47 dun veciño por tenza ilicita de armas. A denominada operación Stop iniciouse tras constatar que o detido realizaba continuamente disparos a un sinal de stop próximo á súa vivenda, un lugar que desde había uns meses se convertera nun dos puntos máis importantes de venda de drogas de Rianxo. 

No rexistro do inmoble, en que participaron cans do servizo cinolóxico da Garda Civil, os axentes incautáronse de varias armas, entre elas unha carabina de calibre 22, tres carabinas de aire comprimido, unha pistola, un revólver e munición. Ademais atoparon 51 plantas de marihuana nun cuarto co fluído eléctrico ponteado, dúas básculas, oito placas cun total de 343 gramos de haxix, 3 bolsas con 20 gramos de cocaína e 150 gramos de heroína. 

Tras o rexistro desta vivenda, os axentes trasladaron o detido á súa vivenda anterior na rúa Rosalía de Castro, un antigo punto de venda de droga, da que se mudou tras as numerosas queixas dos veciños polas continuas chamadas aos telefoniños por parte de presuntos compradores de droga durante a madrugada. O detido enfróntase a un delito por tenza ilícita de armas, a outro contra a saúde pública e a un terceiro por defraudación de fluído eléctrico. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/12/2018