Deteñen un veciño de Pol de 54 anos por agredir outro home cun vaso en Lugo
Foi nesta céntrica praza de Lugo, nas proximidades da casa do concello, onde unha discusión entre descoñecidos acabou nunha agresión ás portas dun bar.
Ao parecer, os implicados compartiron a terraza durante un tempo sen incidencias, pero á hora de marchar o presunto agresor increpou a outra persoa recriminándolle que levaba un can sen o bozo.
Iniciouse entón unha discusión e o agresor atacou cun vaso o home que paseaba o can, causándolle un corte profundo nun brazo.
"Iniciouse unha pelexa por un can que paseaba a vítima e a outra persoa que o increpou e iniciou a discusión, rompeu un vaso e agrediuno nun brazo, causándolle feridas moi graves, polas cales tivo que ser trasladado ao hospital", sinala Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.
As testemuñas da agresión alertaron rapidamente a policía e o 061. Os axentes procederon á detención do agresor, un veciño de Pol de 54 anos, mentres que a vítima foi trasladada ata o hospital de Lugo.
"En vista dos feitos, inmediatamente se detivo o agresor, que ao longo desta mañá pasará a disposición xudicial. É un delito de lesións graves porque necesita unha cura e unha atención posterior para esas lesións, non como se foran unhas lesións leves", sinala Manuel Arias.
O home detido, que tamén sufriu cortes na súa man dereita durante o ataque co vaso, terá que responder agora por un delito de lesións.