CRTVG

Buscar

Deteñen un ladrón que rouba nunha gasolineira e queda sen gasolina na fuxida

Publicado o 09/08/2019 10:00

Semella que no plan do ladrón non saíu nada ben dende un primeiro momento. Parou de madrugada coa súa moto nesta estación de servizo de Xinzo de Limia. Todo apunta a que pretendía botar combustible e fuxir sen pagar, pero de noite a gasolineira é de prepago, así que tivo que buscar un plan alternativo: roubar os cartos en efectivo que había na caixa aproveitando un descoido do empregado.

O que non sabía era que esta estación de servizo ten videovixilancia e está nunha zona en que patrullan acotío a Policía e a Garda Civil. Así que dar con el despois do roubo non foi complicado.

A Garda Civil atopouno a nove quilómetros da gasolineira empurrando a súa moto pola autovía onde quedou sen combustible.

Investígase agora se a moto coa que perpetrou o roubo é da súa propiedade. O home quedou en liberdade despois de prestar declaración ante o xuíz, pero impútaselle un delito de furto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/08/2019