Deteñen un home que estaba a ameazar a dona dunha xoiería en Santiago
A policía detivo en Santiago un home que estaba a ameazar cun obxecto puntante a dona dunha xoiería dentro da tenda.
Os axentes foron alertados por un viandante a pedimento da vítima.
Sucedeu na praza das Praterías, unha das máis concorridas de Santiago, en plena tarde, este martes ás seis. A dona desta xoiería estaba soa no interior e chegoulle un mozo que, sen dicir nada, colleu un dos abrecartas que ten á venda e ameazou con agredila. Minutos antes a tendeira vira pasar dous policías e pediu que alguén os fose avisar.
"Atopáronse cun home de 29 anos en actitude moi agresiva e sobreexcitado que empuñaba un abrecartas e coa outra man suxeitaba polo pescozo a dona da tenda. Pedíronlle que parase".
Segundo nos contou a dona do negocio, cando o esposaron foi o único momento en que o mozo dixo algo; que o deixaran.
"No momento da detención opuxo resistencia".
A vítima e propietaria da tenda quitoulle importancia ao suceso. Explicou que foi unha acción que transcorreu en poucos minutos, que o autor en ningún momento fixo ademán de roubar e quitoulle importancia polo feito de que se trataba dunha persoa baixo tratamento por enfermidade mental.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí