CRTVG

Buscar

Deteñen un home no Porriño por agredir a súa muller e o seu neto nun novo ataque machista

Publicado o 29/01/2020 16:51

A Policía Local do Porriño detivo a Antonio G. F., de 58 anos de idade, acusado de agredir cunha arma branca a súa muller, de 52, que tivo que ser hospitalizada aínda que en principio non se teme pola súa vida, e o seu neto, de 6 anos, segundo informaron fontes oficiais. A agresión produciuse nunha vivenda no barrio da Pontenova, en Atios, sobre as 2.15 horas, cando a Policía Local recibiu a chamada da muller, quen indicou tamén que estaba a esperar na rúa por unha ambulancia xunto ao seu neto.

Cando os axentes chegaron ao lugar, as dúas vítimas xa foran trasladadas ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A muller presentaba varios cortes en brazos e mans que precisaban de intervención cirúrxica. O neno tiña lesións nunha man, pendente de recibir atención psicolóxica, xa que estaba no cuarto onde se produciu a agresión.

A Policía Local entrevistouse co presunto agresor, que recoñeceu que se pelexou coa súa muller. Os axentes comprobaron que había manchas de sangue no cuarto onde se produciu a discusión e atoparon debaixo da cama un coitelo de cociña con sangue, polo que procederon á súa detención. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/01/2020