CRTVG

Buscar

Deteñen un home en Xinzo de Limia acusado de abusos sexuais durante o Petardazo

Publicado o 05/02/2020 13:16

Segundo consta na denuncia, as rapazas de 24 e 22 anos acudiron xuntas ata este descampado. Dispoñíanse a facer as súas necesidades cando de súpeto se viron sorprendidas por un home. Tiña os pantalóns baixados e tocábase os xenitais, agarrounas, forcexaron e por sorte lograron escapar.

Todo aconteceu de madrugada. Estaban de festa. Participaban no tiro de saída do Entroido en Xinzo de Limia. As rapazas, unha de Pontevedra e outra de Barbadás, puxeron os feitos en coñecemento da Policía Local que xunto á Garda Civil deron co suposto agresor no momento. Foi recoñecido polas vítimas. O home foi trasladado aos calabozos da Garda Civil acusado dun presunto delito de agresión sexual. Despois de declarar ante o xuíz quedou libre, malia que as investigacións sobre este caso continúan. O home non ten antecedentes, ten 52 anos e é veciño de Xinzo. 

Na localidade non se fala doutra cousa. Un lugar que vive o Entroido dun xeito especial e lamenta que comezaran as festas deste xeito. 

Os axentes manteñen un dispositivo en marcha co obxectivo de impedir novos casos ao longo destas festas do Entroido.