CRTVG

Buscar

Deteñen un home en Vigo por violar unha muller á que levou á casa co pretexto de axudala

Publicado o 23/04/2020 23:33
Deteñen un home en Vigo por violar unha muller á que levou á casa co pretexto de axudala

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un veciño da cidade, de 36 anos e de nacionalidade dominicana, como presunto autor dun delito de agresión sexual a unha muller que acompañou ao seu domicilio co pretexto de axudala porque se atopaba mareada despois de tomar unha copa.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a principios do pasado mes de marzo, e as pescudas foron asumidas polo grupo UFAM da Brigada de Policía Xudicial, que realizou unha complexa investigación para dar co suposto autor da agresión.

A vítima relatou á Policía que se atopaba de madrugada nun local de copas da rúa Churruca cando, despois de tomar unha bebida que lle ofreceu un home, empezou a atoparse mareada e saíu do establecemento para coller aire e tentar recuperarse.

Neses momentos, achegóuselle outro home, que se ofreceu a axudala e lle dixo que podía ir á súa casa, que estaba preto. A pesar de que a muller respondeu que só quería tomar un taxi, este home insistiu en acompañala cara á rúa Urzáiz e, en lugar de levala a unha parada de taxis, aproveitando que se atopaba mal, acabouna levando ao seu domicilio, onde abusou dela.

Ao outro día, o sospeitoso díxolle que tiña que irse, porque debía ir traballar. A moza marchou á casa dun amigo e relatoulle o que ocorrera, a pesar de que non lembraba demasiado ben os feitos.

Por indicación do seu amigo, a muller trasladouse a un centro médico para facer un recoñecemento e, posteriormente, presentou denuncia na Policía.

No transcurso da investigación destes feitos, os axentes lograron localizar un número de teléfono que podería ter relación co autor da agresión, aínda que comprobaron que o titular da tarxeta non era o sospeitoso, senón que este sospeitoso estaba a usar esa tarxeta telefónica a nome doutra persoa. Esta pista permitiu á Policía acoutar as pescudas e, finalmente, identificar un home como sospeitoso dos feitos denunciados. A vítima identificouno, e por tanto foi detido.

Unha vez en Comisaría, os axentes comprobaron que o detido ten varios antecedentes policiais. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos ao dispor do xulgado de instrución 4 de Vigo.