CRTVG

Buscar

Deteñen un home en Rábade por queimar a súa vivenda e agredir a Garda Civil

Publicado o 08/10/2019 14:05

Axentes da Garda Civil detiveron onte un home de 54 anos de idade que, supostamente, lle prendeu lume ao seu propio domicilio, no centro urbano de Rábade, e que, segundo algunhas testemuñas, tentou arrincar as barreiras do paso a nivel da localidade.

Os feitos sucederon a última hora da tarde de onte, arredor das 20:15 horas, cando a Garda Civil lle solicitou ao 112 axuda para extinguir un incendio nunha vivenda da rúa Río Ladra, na localidade de Rábade, así como a presenza de persoal sanitario.

Fontes da Benemérita explicaron que o detido, supostamente, lle prendeu lume ás cortinas da súa propia vivenda, o que obrigou á intervención dos bombeiros de Vilalba, aínda que non houbo que lamentar danos persoais.

Así mesmo, o detido, que supostamente tentara tamén arrincar as barreiras do paso a nivel da localidade, mostrouse en todo momento "moi agresivo" cos axentes da Garda Civil e mesmo tentou agredilos.

Finalmente, foi trasladado, baixo custodia da Garda Civil, á unidade de psiquiatría do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Noticias web

08/10/2019