CRTVG

Buscar

Deteñen un home en Outeiro de Rei cun arsenal e lingotes de ouro na súa casa

Publicado o 14/02/2020 13:57

No marco dunha operación contra o tráfico de drogas e o contrabando de tabaco que fora iniciada en Andalucía, a Garda Civil detivo un home duns 30 anos residente en Outeiro de Rei. Na súa casa, na parroquia de Cela, os axentes comisaron un arsenal de armas de fogo, varios quilos de ouro en lingotes e uns 30.000 euros en metálico. No rexistro participaron numerosos efectivos do Servizo de Intervención Rápida de Lugo, o que motivou a expectación dos veciños deste barrio das Hortas.

"Ás seis e media da mañá, a miña muller oíu un ruído e espertamos. Somos veciños, e dende a ventá da casa vemos aquí. Era de noite e vimos un montón de policía". "Debía de haber tres ou catro coches patrulla, á parte doutros da secreta, que estaban camuflados. Fomos andando por alí e estaba a porta da casa aberta. Había alí gardas con máscara apuntando con metralletas".

Tras iniciarse de madrugada, o rexistro da vivenda prolongouse ata a noite. Coa familia do detido convivía o seu propio pai, que fora funcionario de prisións e que posuía un permiso de armas como coleccionista, o que podería explicar parte do arsenal incautado.

"Ao primeiro aínda cavilamos, ao ver tanto coche, se morrería o patrón. Nós non sabiamos doutra cousa". "Botou todo o día a policía. Preguntamos a ver que ocorría e dixeron, por dicir, que era cousa de xuventude, do mozo". "O fillo apenas o coñezo, porque hai moito que non o vexo. Sabíase cando estaba por aquí porque armaba aí unha música e sabíase que estaba por aí el, pero non sei nada deles".

A investigación, desenvolvida pola Unidade Central Operativa da Garda Civil de Málaga, encóntrase baixo segredo de sumario.

Noticias web

14/02/2020