Deteñen un home en Ourense por acoitelar un policía nacional
O suceso ocorreu na terraza dunha cafetería situada na rúa Valle Inclán do centro da cidade de Ourense. Era mediodía, e había moitos clientes. Algunhas testemuñas viron como o presunto agresor baixou dun taxi cun coitelo na man e foi directamente a acoitelar un axente da Policía Nacional que estaba fóra de servizo tomando algo cuns amigos.
Segundo transcendeu, na mesma mesa estaba a ex-parella do agresor, da que ten unha orde de afastamento con risco extremo.
Segundo fontes policiais, foron dúas coiteladas no abdome, pero puido defenderse e as feridas foron superficiais e o axente xa se recupera na súa casa.
Todo aconteceu moi rápido, o home puido escapar e tirou o o coitelo na rúa. Pouco despois, un veciño viuno no garaxe no edificio onde vivía, na zona do barrio do Pino, e avisou a Policía Local, e alí puideron detelo.
As dilixencias sobre os feitos seguen abertas. O detido, que ten antecedentes penais e acababa de saír do cárcere, está nas dependencias da Policía Nacional de Ourense á espera de pasar a disposición xudicial. Podería enfrontarse a un delito de homicidio en grao de tentativa. O Sindicato Unificado da Policía anunciou a intención de presentarse na causa como acusación particular para pedir o seu ingreso no cárcere.