CRTVG

Buscar

Sete detidos en España, un na Coruña, nunha operación contra a pornografía infantil

Publicado o 22/11/2020 12:00

Axentes da Policía Nacional detiveron sete pederastas e investigan outras dúas persoas por intercambiaren supostamente pornografía infantil en diferentes servidores de Internet. Os arrestos producíronse na Coruña, Málaga, Barcelona, As Palmas, Madrid e Zaragoza. Ademais, logrouse identificar un menor que presuntamente sufría abusos sexuais por parte do seu pai, grazas á análise pormenorizada dunha fotografía.

As xestións comezaron tras recibiren informacións de Homeland Security Investigations dos Estados Unidos. As investigacións culminaron coas sete detencións e coa incautación de gran cantidade de material informático e dunha suma enorme de arquivos pedófilos produto do rexistro nos domicilios. 

O máis salientable dos detidos, pola cantidade de material interceptada e pola profesión de monitor deportivo, é un home de 55 anos de Zaragoza que participaba en actividades con menores en período escolar e en campamentos de verán. Posuía gran cantidade de material relacionado con abusos sexuais a menores que mantiñaagochado en carpetas en lugares virtuais.

Un técnico, un xubilado e un repartidor, entre os detidos

No Prat de Llobregat arrestaron un técnico de electrodomésticos de 37 anos que tiña especial fixación en nenos e adolescentes de países do leste. Nas Palmas o detido é un xubilado de 70 anos, coleccionista de material sexual que realizaban nenas adolescentes.
Outros dous detidos nutrían o mercado pedófilo creando arquivos con material de menores que non eran reais e vendíano como novo.

Os axentes localizaron unha fotografia dun menor que estaba a ser obxecto de abusos sexuais. A anáise determinou que era material orixinal e que o rapaz estaba en Barcelona. Localizárono e o abusador resultou ser o seu propio pai, que morrera dous meses antes con antecedentes por roubo e tráfico de drogas.




Noticias web

22/11/2020