Deteñen sete homes pola violación dunha muller nunha vivenda de Badalona

EFE
A Policía detivo esta madrugada sete homes pola súa presunta relación coa agresión sexual sufrida por unha muller no interior dunha vivenda en Badalona (Barcelona).
Segundo informaron fontes policiais, as detencións practicounas a Garda Urbana de Badalona, contra as 5:30, cando acudiu ao domicilio onde a muller dicía ser violada, ao parecer avisada por un veciño que escoitara berros e ruídos.
Os axentes detiveron sete homes que se atopaban no domicilio, todos eles maiores de idade, e puxéronos baixo custodia dos Mossos d'Esquadra, acusados dun delito de agresión sexual, á espera de pasaren á disposición xudicial nas próximas horas.
Os Mossos d'Esquadra asumiron a investigación deste caso de agresión sexual e investigan que grao de participación tivo cada un dos detidos nestes feitos, sen que estea claro que todos eles fosen autores materiais.
Nunha mensaxe a través da súa conta de Twitter, o alcalde de Badalona Xavier García Albiol anunciou a detención dos sete presuntos agresores sexuais e cualificounos de "salvaxes". Segundo o alcalde, a vítima está ingresada nun centro sanitario.