CRTVG

Buscar

Deteñen o vilagarcián Silla Otero tras comisar o maior alixo de cocaína nun veleiro

Publicado o 18/10/2021 19:10

• A colaboración entre España e Portugal permitiu comisar máis de cinco toneladas de cocaína no Atlántico

AXENCIAS

A colaboración entre España e Portugal na loita contra o tráfico de drogas permitiu incautarse dun veleiro cargado con máis de cinco toneladas de cocaína en augas do Atlántico, unha das maiores aprehensións realizadas en Europa, segundo informaron fontes oficiais. Tamén detiveron tres persoas. Entre elas, un destacado e coñecido narcotransportista que se atopaba en busca e captura por outro transporte de cocaína que foi frustrado no mes de marzo do ano pasado. 

É Carlos Silla Otero, segundo precisan fontes policiais, que se atopaba en busca e captura por outro transporte de cocaína que foi frustrado no mes de marzo do ano pasado. Acompañábano outras dúas persoas (unha delas tamén galega), que, a pesar de careceren de antecedentes penais, eran coñecidas polos investigadores da Policía Nacional pola súa estreita relación cos integrantes dun dos máis importantes grupos de lancheiros da ría de Arousa. 

A droga foi apreixada nun veleiro utilizado por redes de narcotráfico para o transporte de estupefacientes entre América Latina e Europa, con porto de entrada na península ibérica. A embarcación transportaba 183 fardos de cocaína cun peso estimado de 5,2 toneladas, "a maior aprehensión desta clase de estupefacientes realizada en Portugal nos últimos 15 anos e unha das maiores de toda a Europa", informou a Policía Xudicial portuguesa nun comunicado. 

Entre os efectos intervidos no operativo, bautizado como "Marea Branca", destacan os sistemas de comunicación e inhibición de frecuencias de última xeración, que proporcionaban seguridade a cada unha das manobras ilegais que os tripulantes tiveron que realizar desde que se iniciou o periplo. Co fin de evitar a identificación do veleiro, os narcotraficantes dotárano de falsos nome e bandeira para camuflar a súa acción criminal.

As investigacións policiais comezaron a principios deste ano sobre unha organización multinacional dedicada, presuntamente, á exportación de inxentes cantidades de cocaína desde Colombia e Venezuela a Europa. Os labores desenvolvidos pola Unidade Nacional de Combate ao Tráfico de Estupefacientes portuguesa contou coa colaboración da Policía Nacional, a Mariña e a Forza Aérea españolas e foi apoiada por Centro de Operacións e Análises Marítimos de Narcóticos, con sede en Lisboa, a DEA estadounidense, a Axencia Nacional do Crime do Reino Unido e a Policía Nacional de Colombia.

Nese proceso de investigación, e a través das informacións que de forma constante intercambiaban as axencias antidroga implicadas, púidose identificar os que realizaban o almacenamento e a exportación do estupefaciente desde Suramérica e a quen desde España e Portugal distribuían a droga que recibían cara a Europa. A principios de agosto, o Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico (MAOC) achegou información sobre o veleiro que, de maneira inminente, realizaría o transporte.

Era unha embarcación española que no mes de setembro iniciou a viaxe de retorno a España cunha non usual carga de cocaína dirixida aos clientes que a adquirían en orixe e que tiñan preparadas as embarcacións no sur da península ibérica para recollela. A operación precipitouse o pasado 16 de outubro, cando foi localizado o veleiro.

Un equipo de asalto da Armada Portuguesa, acompañado por axentes da Policía Nacional española e da PJ portuguesa, abordaron a embarcación na que descubriron un importante número de fardos, similares aos que habitualmente se elaboran para o transporte de cocaína. Entre os efectos intervidos, sistemas de comunicación e inhibición de frecuencias de última xeración que proporcionaban seguridade a cada unha das manobras ilegais que os tripulantes practicaron desde que se iniciou o periplo. Mesmo, tanto o nome como a bandeira do veleiro eran falsos, co fin de camuflar a súa acción criminal. 

Noticias web

18/10/2021