Deteñen "o señor do porto", un histórico do narcotráfico en Alxeciras
O detido ten 54 anos pero iniciárase no negocio cando era menor. Daquela avisaba os contrabandistas da presenza da policía nas zonas de descarga de haxix e tabaco. Prendérono varias veces pero seguiu adiante ata converterse no organizador para grandes narcos da saída de cocaína do porto de Alxeciras e da súa entrega onde lle pedían.
A Garda Civil prendeu outras dúas persoas canda el, unha delas o seu fillo de 32 anos, que segundo os investigadores era a súa persoa de confianza nos temas relacionados co narcotráfico.
Na operación, interviñéronlles máis de 700.000 euros en metálico. Tamén bloquearon trece inmobles, catorce contas bancarias, unha embarcación e once vehículos de gama alta.
O señor do porto súmase á lista de delincuentes históricos relacionados co narcotráfico na zona do Estreito detidos nos últimos meses.