CRTVG

Buscar

Deteñen o fillo do ancián asasinado en Sárdoma pola súa posible relación co crime

Publicado o 11/01/2019 21:51

• Hai informacións que apuntan a que o detido xa puido confesar ser o autor do crime tras manter unha forte discusión co pai 

O arrestado é o fillo menor. Arestora permanece detido nas comisaría da Policía Nacional de Vigo á espera de pasar a disposición xudicial. É probable que esgoten o prazo máximo de 72 horas. O xulgado decretou o segredo do sumario polo que apenas transcenderon detalles da investigación. Pero, o caso é que xa hai informacións que apuntan a que o detido xa puido confesar ser o autor do crime, que tras unha forte discusión co pai, lle deu unha arroutada e o matou. Mentres aquí, nesta parroquia viguesa de Sárdoma os veciños seguen conmocionados pola morte violenta do ancián e pola detención, como lles estamos contando, dun dos seus fillos pola súa implicación no crime.

Manuel e outro veciño foron os que atoparon o cadáver do ancián o luns. Desde o primeiro momento xa lles resultou estraña a actitude do fillo menor da vítima que agora está arrestado

"É moi raro porque o fillo non vén a xunto de min a nada, nin a dicirme grazas. El, a verdade é que víase totalmente normal, nin afectado, como si non fixera nada. Totalmente normal", asegura Manuel Villar, o veciño que atopou o cadáver do ancián.

O detido vivía a carón do seu pai, de 81 anos. O ancián desapareceu o sábado pasado. Dous días despois, Manuel e o seu sobriño atopábano morto a menos dun quilómetro da súa casa. O cadáver presentaba sinais de violencia. Tiña os pés atados e estaba envolto en plásticos.
"Como estaba moi ben tapado cando pasabas non se vía pero se pasabas cerca si que o vías, vías o bulto. Antes de chamar a Policía asegurámonos porque non sabíamos se era unha persoa ou que era. Toqueille o pé e xa vin que eran dedos", relata Manuel Villar, o veciño que atopou o cadáver do ancían.
Os veciños seguen consternados, polo crime do ancián e tamén pola detención do seu fillo.
"Sempre estás consternado porque é algo que non cadra", di un veciño.
"Quedamos moi sorprendidos. É unha persoa que paseaba e non se metía con ninguén", di outro veciño.

As vivendas de pai e fillo permanecen precintandas.

 


 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019