CRTVG

Buscar

Deteñen en Vigo un mozo que circulaba drogado en patinete eléctrico

Publicado o 14/08/2019 14:25

A Policía Local de Vigo detivo un mozo que circulaba en patinete eléctrico e que deu positivo en cánnabis. É a sexta detención que se produce en Vigo por utilizar un patinete eléctrico poñendo en perigo peóns e outros vehículos. A detención do mozo de vinte e un anos produciuse por circular pola travesía de Vigo sen os papeis regulamentarios e baixo os efectos das drogas. Non hai regulación específica para estes patinetes en ningunha vila ou cidade galega.

Acontecía esta mesma mañá no centro de Vigo. Un patinete eléctrico que circula pola beirarrúa a piques está de atropelar un peón. Situacións coma esta comezan a ser unha constante nas distintas cidades galegas.

Pero existe un gran baleiro legal con este tipo de vehículos de mobilidade persoal. En Vigo, nos últimos días, interceptaron dous usuarios que circulaban en patinete eléctrico nun caso baixo os efectos das drogas e noutro baixo os efectos do alcol.

Unha sanción administrativa e nalgún caso a retirada deste tipo de vehículo. Algúns establecementos que se encargaban do seu alugueiro deixaron de facelo pola problemática que xeraban.

Á falta dun regulamento estatal, en que xa está a traballar a DXT, moitos concellos xa puxeron en marcha algunha ordenanza municipal para regular o seu uso. É o caso de Madrid e Barcelona. Con todo, é considerado un vehículo e como tal está obrigado a cumprir as normas de circulación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019