CRTVG

Buscar

Deteñen en Monforte a suposta autora dunha brutal malleira ao dono dun bar

Publicado o 12/01/2018 14:27

A Policía Nacional prendeu en Monforte unha muller como suposta autora dunha brutal agresión a un hostaleiro. Trátase dunha clienta que presuntamente atacou a vítima a botellazos.

O propietario deste bar de Monforte estivo a piques de morrer tras ser atacado, presuntamente, por unha clienta. Ao parecer, a suposta agresora golpeouno repetidas veces na cabeza cunha botella. 

O suceso aconteceu de madrugada. Unha muller que pasaba por diante viu un home tirado no chan e mais a presunta autora dos feitos a deambular polo interior do local. Daquela avisou o garda de seguridade da veciña estación de trens, que deu a voz de alarma. Deseguido, presentáronse no lugar os axentes da comisaría monfortina, que detiveron a suposta agresora. 

Pola súa parte, unha ambulancia trasladou o hostaleiro ao hospital comarcal, onde permanece ingresado en estado grave tras ser operado dunha fractura nun pé. Ademais, segundo a súa familia precisou ata 70 puntos de sutura na cabeza. 

Tras o acontecido, o bar permanece pechado e ten os cristais tapados debido ás salpicaduras do sangue que perdeu o seu dono.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2018