CRTVG

Buscar

Deteñen en Madrid o líder dunha célula xihadista do Estado Islámico

Publicado o 04/12/2019 11:35
Deteñen en Madrid o líder dunha célula xihadista do Estado Islámico

As autoridades marroquís anunciaron hoxe o desmantelamento conxunto cos seus homólogos españois dunha célula terrorista leal ao grupo xihadista Estado Islámico (coñecido como Daesh) composta por catro membros.

O xefe da célula foi arrestado nos arredores de Madrid, mentres que os outros tres membros foron detidos na rexión de Nador (nordeste de Marrocos). Un dos detidos en Marrocos é irmán dun xihadista activo nos combates na rexión sirio-iraquí.

Os catro arrestados, de idades entre 24 e 39 anos, "sumáronse ás campañas de propaganda dos actos sanguinarios do Daesh en represalia pola morte do presunto xefe desta organización terrorista".

Segundo as investigacións preliminares, os integrantes desta célula realizaban reunións para facer un seguimento do desenvolvemento da situación na rexión sirio-iraquí e para planificar actos terroristas "en resposta aos chamamentos repetidos dos líderes do  Daesh para elixir como branco diferentes países".

Durante esta operación confiscáronse equipos electrónicos, teléfonos móbiles, manuscritos extremistas e carapuchas.

As últimas operacións conxuntas realizadas en ambos os países producíronse en maio do ano pasado cando se desmantelou unha célula integrada por cinco terroristas, e en setembro de 2017, cando caeu outra célula integrada por seis xihadistas.

España e Marrocos sempre insistiron no carácter modélico no mundo da cooperación en materia de seguridade cos desmantelamentos sincronizados de redes terroristas e o intercambio continuo de datos entre os servizos de seguridade de ambos os países.

Segundo cifras do Ministerio marroquí do Interior, este país desmantelou 13 células xihadistas ata finais de outubro deste ano.