CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Deteñen en Madrid un home acusado de abusar de cando menos cinco nenas de entre 5 e 7 anos

Publicado o 07/08/2018 15:03

A Policía Nacional detivo nunha localidade próxima a Madrid un home acusado de abusar sexualmente de cinco nenas, de entre 5 e 7 anos. O arrestado compartía vídeos dos seus abusos a través dunha rede de Internet oculta empregada por pedófilos.

A pista para a detención deste home chega dende Australia. Alí a policía de Queensland descobre unhas imaxes que envía a unha base de datos internacional, xestinada pola Interpol. Cando policías da unidade de Ciberdelincuencia ven eses vídeos sospeitan que puideron ser gravados en España, na contorna de Madrid.

As mans do sospeitoso daban indicios de que o abusador podía traballar nun taller mecánico. Finalmente os investigadores deron cun home que encaixaba co perfil, e iniciaron un seguimento e comprobaron que no seu círculo había lugares que aparecían nos vídeos dos abusos.

Trátase dun home de 46 anos de nacionalidade romanesa. No rexistro da súa vivenda atoparon numerosos vídeos de contido pedófilo e material informático, entre o que había microcámaras que ocultaba para poder facer as gravacións.

Ao mesmo tempo, os investigadores trataron de localizar as supostas vítimas dos abusos. Foi un labor complicado xa que só contaban coas imaxes gravadas. Finalmente conseguiron identificar cinco delas, nenas de entre 5 e 7 anos, que foron recoñecidas polos seus pais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí