CRTVG

Buscar

A policía apunta a que o crime machista da Coruña ocorreu “ao longo do día do mércores”

Publicado o 17/09/2021 15:20

• O suposto autor foi detido en Madrid a onde viaxara en avión

• O home será trasladado á Coruña para pasar a disposición xudicial

Conmoción no barrio do Birloque polo asasinato de Mónica Marcos

A Policía Nacional detivo este xoves á noite en Madrid o home de 48 anos que presuntamente matou a puñaladas a súa parella, de 52 anos, na Coruña. Segundo confirmaron fontes da investigación, o detido foi localizado nun hotel da capital española, tras realizar un seguimento dos seus movementos e comprobar que collera un voo con destino a Madrid.

A investigación policial conclúe que o asasinato se produciu "ao longo do día do mércores", asegurou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñonres.

A pesar de que a vítima, Mónica Marcos, foi atopada morta na madrugada do xoves, os axentes que investigan o caso descubriron, polo seguimento do móbil do suposto autor e o visionado das cámaras de seguridade do aeroporto, a onde acudiu para coller ese avión con destino a Madrid, e onde foi localizado nun hotel, que o crime non ocorreu de noite, senón horas antes de ser localizado o cadáver.

O suposto autor será trasladado á Coruña para que poida pasar a disposición xudicial no xulgado de garda desta cidade, segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Non obstante non está previsto que esa declaración se poida realizar no día de hoxe, senón que, en principio, será ou ben mañá á tarde ou o domingo á mañá. 

Os feitos ocorreron sobre as 2:00 horas deste xoves, cando un home chamou ao 091 para alertar de que atopara a súa nai sen vida nun cuarto da súa vivenda, situada na rúa Juan Darriba, no barrio do Birloque.

O home que alertou apuntou a parella da súa nai como autor do crime, posto que ambos tiveran unha forte discusión en días pasados, aínda que non constan denuncias previas. Axentes da brigada provincial da Policía Xudicial compareceron no lugar dos feitos e activaron un dispositivo de busca para localizar o suposto homicida, ao entenderen que hai "indicios" de delito de violencia de xénero. 

Tras unha intensa procura durante todo o día, a Policía Nacional detívoo en Madrid. É un home de 48 anos que tiña antecedentes previos por violencia de xénero contra outras dúas mulleres. Estes anteriores delitos non foron homicidios. A vítima, chamada Mónica Marcos, tiña unha panadería no barrio en que vivía.

Aínda que non se confirmou oficialmente que sexa un crime machista, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou, tras os feitos, que "todo apunta" a iso.

A cidade mostrou a súa repulsa por este crime con varias concentracións, a última esta tarde no barrio da vítima, tamén por parte de toda a corporación municipal, que gardou cinco minutos de silencio ante o Palacio Municipal de María Pita.

O Goberno confirma que se trata dun crime machista

O Ministerio de Igualdade confirmou este venres que o crime sucedido na madrugada do xoves na Coruña, é violencia machista.

Así, a cifra de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 35 no que vai de ano e trátase da primeira en Galicia, e elevaría a 1.113 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas desde xaneiro de 2003.

Noticias web

17/09/2021