Deteñen en Carballo dous homes bébedos cando tentaban roubar un coche
A Garda Civil presentou esta mañá ante o Xulgado de Carballo dous individuos, detidos onte á tarde cando intentaban, cunha borracheira importante, supostamente roubar nun coche no centro da vila.
Na acción interveu a Policía Local de Carballo, despois de recibir unha chamada alertando da acción dos dous homes nunha zona de estacionamento.
Os axentes encontráronse cunha situación pouco corrente: da fiestra dun coche colgaban as pernas dun dos cacos. Suponse que se meteu de cabeza, despois de escachar o cristal da porta. Non foi capaz de saír co botín, o aparello de música, a pesar de que o compañeiro trataba de axudalo tirando del desde fóra.
Os dous, veciños de Carballo, foron detidos e acabaron recuperando a sobriedade no cuartel da Garda Civil.