CRTVG

Buscar

Deteñen dúas persoas que vendían droga nas inmediacións dun instituto de Santiago

Publicado o 24/02/2021 14:26

A venda da droga realizábase a escasos metros dos institutos Rosalía de Castro e San Clemente, moi próximos tamén á comisaría da Policía Nacional, polo que os pais dos alumnos alertaron os coches patrulla que pasaban pola zona.

"Estes pais alertaron os axentes dun posible punto de venda de estupefacientes, dado que á zona acudían numerosos toxicómanos co fin de adquirir ditas substancias", di Felipe Rodriguez, voceiro de prensa da Policía Nacional de Santiago.

Os labores de seguimento dos axentes deron como resultado a detención de dúas persoas.

"Tras as investigacións, os axentes lograron identificar unha parella, que serían os presuntos responsables do punto de venda, e tras proceder á súa detención realizouse o correspondente rexistro, en que se incautaron cocaína, heroína, metadona e útiles para a confección de doses" di Felipe Rodriguez, voceiro de prensa da Poilcia Nacional de Santiago.

Non consta que o alumnado do centro fose o obxectivo dos vendedores, se ben a súa presenza no arredores xerou a alarma tanto para os pais coma para o resto dos veciños.

Os detidos xa pasaron a disposición xudicial.

Noticias web

24/02/2021

Máis sobre Santiago de Compostela