CRTVG

Buscar

Deteñen dous mozos acusados de violar dúas menores en Cangas

Publicado o 19/10/2021 17:57

A Garda Civil detivo dous mozos por supostamente agredir sexualmente dúas menores en Cangas do Morrazo. Fontes da Benemérita explicaron que as dúas mozas desapareceron tras saír xunto a unha terceira do centro de acollida de menores Príncipe Felipe, situado en Pontevedra, a finais da pasada semana. Tras apareceren varios días despois, estas dúas menores presentaron senllas denuncias por agresión sexual.

A unha delas atopárona en Cangas e, ante as dúbidas de que sufrise algunha clase de agresión, a Policía Local trasladouna a un centro de saúde e posteriormente a un centro hospitalario de Vigo, onde se confirmaron as sospeitas de que era vítima dunha agresión sexual.

Posteriormente, os axentes, que continúan as investigacións, procederon á detención de dous mozos de orixe marroquí. O pase a disposición xudicial dos dous detidos está previsto para este mércores, segundo confirmaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Segundo o testemuño dunha delas, ao parecer déronlles algunha clase de substancia, e a agresión produciuse nun piso de Cangas.

Noticias web

19/10/2021