CRTVG

Buscar

Deteñen ao terceiro tripulante do narcosubmarino despois de seis días en busca e captura

Publicado o 30/11/2019 14:34

Co sumario baixo segredo e un hermetismo absoluto por parte dos investigadores da policía e da Garda Civil a gran incógnita segue sendo a que organización de narcotraficantes pertencen os detidos. Supostamente tres persoas tripularon o submarino 25 días desde América do Sur, Colombia ou a Guaiana ata a Ría de Aldán. Os presuntos narcotraficantes non sabían que o Centro de Operacións Marítimas de Narcotráfico de Lisboa acababa de localizar o semisumerxible. Trasvasarían a droga a unha lancha e comezarían a distribuíla. O mal tempo e o operativo policial obrigounos a afundir o batiskafo e a fuxir deixando a droga atrás. Dous tripulantes, ecuatorianos, foron detidos nese mesmo momento, de madrugada, na praia. Tras dar a súa versión ingresaron sen posibilidade de fianza no cárcere da Lama onde continúan. O terceiro tripulante, galego, foi detido hai só unhas horas agochado nunha pequena construción de madeira, no monte. Levaba seis días en busca e captura. Dous homes máis, galegos tamén, foron detidos, esta semana. Un no Morrazo e outro en Vigo acusados de dar soporte en terra á recepción e distribución dos 152 fardos de cocaína, uns 3000 quilos. Todos pasarán o luns a disposición xudicial.
 

Noticias web

30/11/2019