CRTVG

Buscar

Deteñen 15 persoas por roubos en Vigo durante a ponte festiva

Publicado o 21/08/2019 14:12

Durante a pasada ponte festiva axentes da Comisaría da Policía Nacional de Vigo detiveron 15 persoas como presuntas autoras de roubos en vivendas, negocios e coches. As brigadas de seguridade cidadá confirman que este pico de actividade delictiva coincide co descenso de actividade que se rexistra en dous días festivos seguidos dunha fin de semana.

Moitos deles foron sorprendidos no allo. Dos quince detidos, nove estaban a roubar no interior de varios coches aparcados no Porriño e en Vigo. Moi cerca da Vía Norte, os veciños alertaron da presenza dun grupo de mozos, algúns deles menores, roldando entre os coches. Non se libraron tampouco os concesionarios da estrada de Baiona, onde outros tres homes foron arrestados por roubar motores, cabos e repostos. A ofensiva policial saldouse con seis detidos por entrar en domicilios e establecementos. As rúas do centro, desertas en plena ponte festiva, tamén foron un branco doado. Nalgún edificio, os ladróns mesmo visitaron varios andares. 

Consellos de seguridade tan sinxelos como pasar a chave ou non abrir o portal a descoñecidos poden evitar moitos desgustos. As brigadas de seguridade cidadá constatan a rapidez coa que se cometen os roubos máis frecuentes porque aproveitan, precisamente, eses descoidos.

Ademais das quince detencións, os axentes da Policía Nacional están a investigar a posible relación dun vehículo que apareceu calcinado no monte Vixiador coa comisión de varios roubos con forza.

Noticias web

21/08/2019