CRTVG

Buscar

Unha nova tecnoloxía permite detectar a covid en tres segundos a partir dunha foto dos ollos

Publicado o 30/05/2021 14:39

A inflamación da conxuntiva ocular está detrás do que se denomina como ollos covid. Trátase dun dos síntomas do coronavirus e esa é a clave deste sistema, en que se basea a tecnoloxía OcuTech, de patente española. Basta unha simple imaxe dos ollos tomada con teléfono móbil, tablet ou lentes Google e un algoritmo detecta o posible contaxio.

"No día de hoxe imos utilizar as lentes de Google. Entón a persoa debe posicionarse diante das lentes de Google, as lentes automaticamente fanlle a foto, recoñecen a zona dos ollos e recortan esta zona. Esa foto dos ollos sóbese á nube, na nube analízase e o resultado está dispoñible en tres segundos", explica Paula Bonet, CEO de OcuTech.

Despois da análise con algoritmo na nube, as imaxes dos ollos destrúense para respectar a privacidade. Se o resultado é positivo, hai que confirmalo cun test de antíxenos.

"O que facemos é contar cunha clínica móbil, que está detrás de min, e serán eles os que, en caso de dar positivo, fagan un test rápido", sinala Bonet.

Este sistema pioneiro é útil, sobre todo, para a realización de eventos seguros. De feito, estase utilizando esta fin de semana nun espazo gastronómico de Valencia. Por certo, a proba ocular sempre vai acompañada dunha toma rápida de temperatura.

Noticias web

30/05/2021