CRTVG

Buscar

Detectan varios casos de billetes falsos de 50 euros en Ferrol

Publicado o 13/02/2020 14:05

Pagar ou cambiar un papel sen valor como se fose un billete de cincuenta, vinte, dez ou cinco euros. Pasou en distintos lugares de Galicia. Os últimos casos localizáronse en Ferrol. Neste local coaron un 50 pedindo que llo cambiaran para mercar tabaco na máquina.

O método utilizado é vello; aproveitan que haxa moita actividade no bar ou alguén novo atendendo ou as dúas condicións á vez.

No bar do lado intentouno facer un menor de idade, pero saíulle mal cando pretendía que llo cambiaran. Rebeca Moreno Ponce, empregada do bar, explica que "era un billete de 50 euros que se vía perfectamente que era unha falsificación. O que pasa é que llo deron a un rapaz novo que acaba de empezar a traballar aquí e cooullo. Temos as imaxes das cámaras, trátase dun mozo que xa está denunciado á policía. Decatouse unha compañeira con máis experiencia e no momento xa viu que era unha falsificación. É un menor. O rapaz é menor de idade".

Tamén o fan adultos. Ante a abundancia de casos de billetes simulados ou falsos, Rebeca di que adoptan precaucións. Miran máis o billete e pásanlle o rotulador de detección para comprobar a autencidade.

Noutro bar, tamén en Ferrol, o dono impediu máis dunha tentativa e decidiu mercar un aparello electrónico.

Eduardo López López, o dono do bar, di que é "un detector homologado pola Casa da Moeda e dixéronme que non deixa pasar ningún falso. -Ese detector custa moito?, preguntamos. - Uns 150 euros me custara", di o dono.

Polo que conta Eduardo, practicamente xa o ten amortizado. Explica que esta rutina, rápida e sinxela, constitúe un repelente eficaz de delincuentes que buscan coar papeis parecidos a billetes por moeda de curso legal.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2020