CRTVG

Buscar

Detectan un niño de 'velutina' nunha árbore a uns 30 metros de altura en Santiago

Publicado o 22/10/2019 14:13

A esa altura, e coa vexetación frondosa, era difícil ver o niño de avespas, pero os veciños advertiron da súa presenza nun dos ameneiros do parque Alexandre Bóveda, en Santiago.

"Leva aquí desde o verán", di un veciño, "pero non se vía polas follas". O xefe do Parque de Bombeiros de Santiago achegouse ao lugar para localizar o niño. Manuel Sanmartín explica que esta zona da cidade ten bastante vexetación, e aínda que está a caer a folla "aínda non se ve demasiado.

"Está na copa da árbore, moi elevado, e imos traer unha autoescaleira de 30 metros para achegarnos o máximo posible; a partir de aí insertarémoslle o veleno e en dous tres días están mortas".

A zona de Santiago é unha das máis afectadas pola praga de avespas asiáticas, con pr eto de 1.000 niños neutralizados no que levamos de ano.

"Unha praga", confirma o oficial xefe dos bombeiros composteláns, que engade que durante todo o ano pasado foron retirados na cidade 1.200 niños, e no que levamos deste van máis de 900.

Se se detecta a presenza dun niño hai que afastarse e avisar no teléfono de atención 012.

Noticias web

22/10/2019