CRTVG

Buscar

Detectan en Ferrol un gromo no Hospital Naval que afecta 7 pacientes e 6 profesionais

Publicado o 27/10/2020 16:19
Detectan en Ferrol un gromo no Hospital Naval que afecta 7 pacientes e 6 profesionais

A área sanitaria de Ferrol confirmou este martes un gromo de covid-19 no Hospital Naval da cidade, que afecta 7 pacientes que permanecían na súa planta de medicina interna e 6 traballadores.

Fontes do departamento sanitario aseguraron que detectaron a incidencia cando usuario que deu positivo nunha PCR de "control rutineiro no hospital antes de ser dado de alta".

Como consecuencia, realizouse "un rastrexo aos seus contactos, incluídos profesionais e pacientes". A problemática notouse na planta terceira de hospitalización do recinto e tamén se alertou o resto de pacientes", engadiron as mesmas fontes.

"Grazas á colaboración de distintos servizos do hospital implicados, detéctanse 7 pacientes positivos asintomáticos que son trasladados ás unidades covid do Hospital Arquitecto Marcide", subliñaron.

Así, confirmaron que os feitos transcenderon na tarde do venres pasado e matizaron que continúa "a procura de posibles contactos; fixéronse máis de 70 probas".

Segundo Sanidade, todos eses afectados permanecían "asintomáticos respecto a cadros covid" e foron remitidos á zona de "hospitalización convencional".

Igualmente, localizáronse 6 casos positivos entre os profesionais, polo que se decretou "a corentena dun total de 20 profesionais, os 6 positivos e 14 contactos estreitos", e outros "12 pacientes que deron negativo". Destes últimos, remarcou, "algúns xa foron dados de alta e 9 continúan ingresados sen sintomatoloxía relacionada coa covid-19".