Detectan 21 positivos nunha residencia de Ribeira unha semana despois de vacinarse
Na residencia de maiores que xestiona DomusVi en Ribeira pasaron a primeira onda da pandemia sen positivos, pero no último cribado realizado no centro detectouse un gromo. Son 21 os positivos confirmados nas últimas probas: 19 usuarios e 2 traballadores.
Desde DomusVi informaron de que os dous traballadores contaxiados están illados nos seus domicilios e que o centro se está sectorizando e resituando os residentes. Dáse a circunstancia de que a semana pasada os usuarios e traballadores desta residencia recibiron a primeira dose da vacina contra a covid-19.
Pero desde Sanidade e Política Social insisten en que non hai motivo para a alarma porque entra dentro do normal. Cren que os contaxios puideron producirse antes de recibir a vacina e tampouco é un efecto adverso do fármaco.
Os expertos lembran que a vacina non nos garante inmunidade ata unha semana despois de recibir a segunda dose. E por iso advirten tamén da importancia de poñela, de que non se baixe a garda ante o coronavirus e caer nunha falsa sensación de seguridade tras recibir só a primeira dose.