CRTVG

Buscar

Detectan un gromo con dez positivos na residencia Las Salinas de Ourense

Publicado o 22/09/2020 20:53

As residencias de maiores galegas rexistran este martes 233 casos activos de coronavirus, tras a detección de oito novos positivos en distintos centros. Así o reflicte o parte diario remitido polas consellerías de Sanidade e Política Social, que suma seis novos contaxios de usuarios da residencia de maiores Las Salinas de Ourense, un novo caso activo dun usuario da residencia Ballesol de Oleiros e un maior positivo no centro El Pilar de Bergondo, que ata agora non rexistraba ningún caso.

As residencias con máis usuarios afectados seguen sendo a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 133 usuarios positivos; a residencia do Incio, con 58, e o fogar residencial El Pinar de Culleredo, con 21. As tres foron intervidas pola Xunta. Do mesmo xeito, tamén teñen usuarios contaxiados a residencia Ballesol de Oleiros (sete), a residencia Las Salinas de Ourense (sete), a Orpea Coruña de Culleredo (dous) e a DomusVi Lalín (dous). Pola súa banda, a residencia de Arteixo, a de Ribeiras de Lea e o centro El Pilar teñen un usuario afectado cada unha.

Canto aos traballadores de residencias de maiores afectados, o parte deste martes informa da curación dun empregado da DomusVi Lalín e dos novos positivos de tres traballadores de Las Salinas, un da Bellavista Care de Nigrán e outro da residencia de maiores Santa Marta de Vigo. Con iso, son 101 os traballadores positivos neste tipo de centros. Os máis afectados, como en xornadas anteriores, son a residencia do Incio, con 35 empregados con PCR positiva, e a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 24. Ademais, hai sete traballadores contaxiados no fogar residencial El Pinar de Culleredo e tres na residencia Las Salinas de Ourense. 

Noticias web

22/09/2020