Detectan falsos comerciais que estafan anciáns en Viveiro
Contactan por teléfono para ofrecerlles medicamentos anticovid, preséntanse nos domicilios e tentan venderlles novos produtos e acceder as súas contas bancarias para conseguir ingresos periódicos. Así actúan os falsos comerciais que a Policía Nacional detectou en Viveiro.
Ao parecer, podería tratarse de antigos traballadores de dúas empresas sanitarias con sede na Coruña que aproveitaron os seus coñecementos e a base de datos para localizar as vítimas. Estas son, sobre todo, persoas de idade avanzada e que viven soas en contornos preferentemente rurais.
"Presentábanse nos domicilios e con técnicas agresivas obrigábanos a asinar documentos que supoñían importantes desembolsos".
Coa chegada do Black Friday e do Nadal aumentan as ofertas dende o sector do comercio. E con elas tamén a picaresca e as prácticas ilegais. Dende a Policía Nacional e dende a Asociación de Comerciantes de Viveiro fan un chamamento a extremar as precaucións para evitar ser vítimas dos estafadores e para que non se vexa perxudicado o comercio legal. Algo en que é fundamental a colaboración cidadá.
"Non hai necesidade de acudir a estes servizos moi pouco claros que ofrecen produtos bastante raros". "A colaboración con empresas e concellos é fundamental nestes casos".
Ademais de facerlles cargos nas contas bancarias e de venderlles produtos inservibles, os falsos comerciais tamén cobraban diferentes cantidades en concepto de desprazamento ata os domicilios.