CRTVG

Buscar

Detectan en Galicia casos de hackeo do WhatsApp

Publicado o 21/10/2020 21:07

Detectan casos de hackeo de WhatsApp en Galicia. O pirateo da conta chega a través dunha mensaxe dun contacto. Os expertos recomendan verificar con ese contacto que é el e non un hacker.

O hackeo é moi sinxelo. Chega un WhatsApp dun contacto, dicindo que enviou por erro unha mensaxe cun código e que llo reenvíes. Ao abrir a mensaxe é cando se produce o pirateo, a partir de aí xa manexan a conta de WhatsApp.

"Se nos piden un código o mellor é sempre verificalo, chamar a persoa que nolo solicita e saber que, efectivamente, nos está pedindo algo lícito. Trátase de evitar ataques como os de enxeñaría social, de alguén coñecido, cunha linguaxe coñecida e que nos fagan confiarnos e dar información ou abrir o noso móbil", di Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñería Informática.

Cando se piratea un teléfono os riscos son enormes porque poden acceder a toda a información que se garda no móbil.

"O primeiro, se non somos conscientes de que temos o móbil hackeado, é que poden ter moitísima información sobre nós: contactos, fotografías, claves de acceso a banca electrónica... Ese é o maior risco", afirma Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñería Informática.

Se o pirateo chega por unha aplicación hai que desactivala e despois resetear. "O mellor é sempre contar cunha copia de seguridade e resetear o móbil a valores de fábrica", asegura Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñería Informática.

E cómpre tamén acudir á Garda Civil ou á Policía Nacional a denunciar o pirateo do teléfono móbil.

 

 

Noticias web

21/10/2020