CRTVG

Buscar

Detectan coronavirus en ameixas, pero en estado "non infeccioso"

Publicado o 16/04/2021 10:30
Detectan coronavirus en ameixas, pero en estado "non infeccioso"

Un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) detectou a presenza do coronavirus SARS-CoV-2 en ameixas da costa galega, aínda que nun estado "non infeccioso".

O resultado da investigación divulgouse nun congreso de estudo da pandemia de covid-19 organizado, de xeito telemático, pola Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria.

Segundo as conclusións do estudo, o virus ten un "alto grao de degradación do seu ácido nucleico", o que implica un "risco nulo" de contaxio do coronavirus polo consumo de especies acuícolas como os moluscos.

A investigación botou a andar tras detectarse a presenza do virus en feces de pacientes infectados e, en consecuencia, nas augas residuais. O coronavirus, coma outros virus que infectan os humanos, pode acabar nestes cursos de auga que finalmente chegan ás áreas costeiras onde se cultivan moluscos.

O grupo de investigación da USC, con axuda de membros da confraría de pescadores de Miño, analizaron doce mostras de sedimentos e outras doce de ameixa (Ruditapes philippinarum e  R.  decussatus) recollidas entre maio e xullo de 2020 en dous bancos naturais situados en dous pequenos estuarios galegos.

Máis sobre Santiago de Compostela