Un gromo no albergue municipal de Vigo obriga a pechar as instalacións
Publicado o 25/02/2021 08:36
Un gromo no albergue municipal de Vigo para as persoas sen teito obrigou a pechar as instalacións. Os casos descubríronse nos cribados aleatorios que se lles realizan a usuarios e traballadores do centro.
De momento hai 11 persoas contaxiadas. Dez son usuarios que xa foron trasladados a unha residencia para persoas sen recursos a Santiago. O resto dos usuarios, uns 28, están confinados no interior do albergue, que estará pechado alomenos 14 días.
O persoal que atende o centro pasará a corentena nos seus fogares. O servizo de albergue para os senteito queda resituado noutro centro da cidade, en Teis, e se fose necesario por demanda habilitaríanse hoteis e hostais.