CRTVG

Buscar

Detectados en Andalucía cinco casos da cepa británica da covid-19

Publicado o 28/12/2020 18:05

A Consellería de Saúde e Familias da Junta de Andalucía confirmou este luns os cinco primeiros casos de coronavirus da nova variante británica noutras tantas persoas que regresaran do Reino Unido nos últimos días. Dos cinco casos confirmados, tres son pacientes da provincia de Málaga e dúas de Granada, segundo informaron fontes do Goberno andaluz, que engadiron que hai outros catro casos en estudo da provincia de Málaga. 

Todos eles, os confirmados e os casos en estudo, corresponden a persoas que regresaran do Reino Unido a Andalucía, segundo as fontes, que precisaron que a totalidade dos casos confirmados presentan boa evolución clínica. Do estudo de todas esas mostras encárgase o Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario Clínico San Cecilio de Granada, que ten capacidade para a secuenciación do xenoma do virus.

Afirma Fernando Simón desta nova cepa que "ata agora soamente se detectou naqueles que teñen antecedentes da viaxe a Inglaterra. Neste caso o que se fai é, obviamente, illar o paciente o máis rapidamente posible, identificar os seus contactos e poñelos en corentena".

A Junta de Andalucía recalca a importancia de que o Goberno estableza medidas nos aeroportos para un maior control da entrada do coronavirus e as súas variantes.

Segundo Rafael Fernández Chacón, director do centro IBIS de Sevilla "nada indica que a vacina non vaia servir para esa nova cepa. Unha vacina está feita para unha parte do virus e, se esa parte non cambia, a vacina é quen de neutralizalo e ata agora mesmo todo indica que ese é o caso".

Con todo, insisten na importancia de non relaxarse en canto ás medidas de seguridade. Os primeiros catro casos en España da cepa británica do coronavirus detectáronse o sábado pasado en Madrid, onde hai outros tres en estudo. Todos os afectados presentan síntomas leves. Os servizos sanitarios ven posible que o número de infectados se estenda nos próximos días a outros lugares de España.

Portugal confirma 18 casos da cepa británica no arquipélago da Madeira 

As autoridades do arquipélago portugués da Madeira anunciaron hoxe que son 18 os casos detectados no territorio da nova cepa británica da covid-19, a maioría deles persoas procedentes do Reino Unido, aínda que unha chegou desde a rexión de Lisboa.