CRTVG

Buscar

Detectados 30 positivos nun foco que afecta varios colexios de Lugo

Publicado o 27/04/2021 14:03

O de Casás é o colexio máis afectado polo novo gromo detectado en Lugo. Deron positivo nove alumnos, mentres que dúas aulas están pechadas. Pola súa parte, no colexio San Xosé hai unha pechada e contabilizáronse catro casos, tres en infantil e un en bacharelato. A orixe do foco puido ser un centro de estética, onde se infectaron dúas clientas e un mínimo de tres traballadoras.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo: "Orixinouse nunha familia e a partir de aí transmitiuse no ámbito laboral, nun centro onde realizan as súas funcións os primeiros casos que tivemos, e tamén no escolar, posto que tamén houbo algún caso máis nun colexio de aquí de Lugo".

Para lle pór freo ao gromo, fíxoselles un seguimento aos 30 casos detectados. Unha vez realizado un cribado entre os contactos esteitos, dende Sanidade dan o foco por estabilizado.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo: "Fíxoselles o cribado a todos os contactos estreitos de todos os casos. No colexio, as aulas onde estaban os alumnos afectados tamén se cribaron e podemos dicir que este gromo está totalmente acoutado. Xa hai días que non están saíndo novos casos, o que non quita que poidamos seguir tendo algún caso illado que poida saír, pero xa é en persoas que en principio están facendo a corentena e que xa tmeos controladas".

Outro cribado que se realizou tamén en Lugo é o do barrio de Montirón, onde polo de agora non se detectou ningún positivo. Tocante ao conxunto da área sanitaria, destacan que a situación permanece estable en arredor dos 200 casos.

Noticias web

27/04/2021