CRTVG

Buscar

Detectado un foco de covid-19 nunha granxa de visóns de Oza-Cesuras

Publicado o 02/07/2021 17:24
Detectado un foco de covid-19 nunha granxa de visóns de Oza-Cesuras

A Consellería do Medio Rural comunicoulle este venres ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a existencia dun foco de coronavirus nunha granxa de visón americano situada no concello coruñés de Oza-Cesuras.

Segundo informou o departamento autonómico, nesta explotación (que conta con 9.874 visóns) recolléronse dúas mostras positivas, malia que os animais non amosan signo algún da enfermidade. Trátase do oitavo gromo rexistrado nunha granxa deste tipo en Galicia no que vai de pandemia.

A granxa quedou inmobilizada e os servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural continuarán cos labores de vixilancia.

Dende o pasado ano, a administración autonómica fai controis periódicos no marco do “Programa de prevención, vixilancia e control do  SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España”, elaborado polo Ministerio de Agricultura. Cunha periodicidade quincenal, toman mostras dos animais e fanlle probas ao persoal.

En toda Galicia, actualmente existe un total de 25 granxas activas de visón americano cun censo total de 71.479 reprodutoras.

Noticias web

02/07/2021