O debate electoral centra a polémica na campaña
Primeiro día de campaña e coñecemos os detalles do único debate cos principais candidatos á presidencia do Goberno: durará dúas horas e estará estruturado en tres grandes bloques temáticos. De fondo, segue a controversia polo feito de que non se realice na televisión pública.
No PSOE din que participarán en todos os debates pero que Sánchez, só estará no de Atresmedia porque quere debater con Vox, e iso non pode facelo en Televisión Española, que se ten que limitar, por lei, aos partidos con representación parlamentaria.
A vicepresidenta do Goberno di que "o presidente decidiu que vai debater tamén con Vox. Entre outras razóns porque irrompeu coa forza que irrompeu... E non rexeita debater con Vox. A radio televisión pública ten a limitación legal que ten e noutro espazo pódese debater con Vox".
Abre a porta a regular nun futuro os debates electorais, algo que tamén defende o PP. Pablo Casado considera inédito que o presidente do Goberno rexeite un cara a cara con el, co líder da oposición.
"Eu xa lle ofrecín debater: un cara a cara. É inédito que o presidente do Goberno non queira debater co líder da oposición, que ademais lle saca 50 escanos. E que tampouco queira debater na televisión pública. Imaxinan se rexeitase eu debater na televisión pública e un cara a cara co líder da oposición... que me dirían?".
Por sorteo, Sánchez abrirá o debate entre os candidatos e pechará Iglesias. Será o martes 23 de abril, cinco días antes das eleccións.