Desvalixan unha urbanización durante unha reunión veciñal
Publicado o 01/11/2019 13:10
Os ladróns aproveitaron que a maioría dos veciños desta urbanización de Rairo, no extra radio de Ourense, se atopaban en plena reunión da comunidade, nun local próximo. Actuaron con rapidez, en pouco máis dunha hora, entre as 8 e as 9 da tarde. Entraron en catro vivendas e subtraeron diñeiro e xoias.
Un portalón de gran tamaño mantén o acceso restrinxido á urbanización A Porteliña, polo que os veciños están sorprendidos coa actuación dos ladróns.
Ata o lugar desprazouse unha patrulla da Policía Nacional, pero polo momento os delincuentes non foron detidos. Con todo os axentes teñen previsto incrementar a vixilancia nas aforas da cidade, ante a posibilidade de novos asaltos.