Desvalixa unha comecartos dun bar de Ribeira en menos dun minuto
Un par de horas despois de pechar, o dono dun bar de Ribeira recibiu o aviso da central de alarmas porque había xente dentro. Un descoñecido fixera un burato no cristal do lado que dá a unha calella, o xusto para entrar. O ladrón foi directo á máquina comecartos e, en 55 segundos, desvalixouna.
Sergio Fernández, dono do bar: "Polo que vemos nas cámaras, vese que entra unha persoa soa. Vese como se asegura de que non veña ninguén pola calella, e despois actúa el só".
O dono descoñece a recadación que podía ter a máquina, que quedou desfeita, e tampouco botou contas do que custou repoñer o cristal. O que lamenta é a sensación de desprotección que lle queda porque o roubo foi a madrugada do martes e a policía aínda non se presentou.
Sergio Fernández, dono do bar: "Reclamaría un pouco máis de presenza policial. Entendo como están, que lle dixeron ao compañeiro que fixo a denuncia que había 13 axentes de baixa. A xente pode enfermar, pero terían que substituílos".
É a cuarta vez que lle asaltan o local, sempre do mesmo xeito, aínda que cada vez máis rápido. O dono do bar cre que o ladrón pode ser o mesmo que lle roubou en xaneiro, febreiro e marzo de hai dous anos. Non lle parece o mesmo individuo que desvalixou varias máquinas expendedoras na cidade hai uns poucos días.