Dimite o xefe do Estado Maior da Defensa tras a polémica por vacinarse contra a covid
• Presentou a súa solicitude de cesamento á ministra de Defensa, Margarita Robles | Interior destitúe o oficial de enlace da Garda Civil no Estado Maior da Defensa
A primeira dose por anticipado da vacina contra a covid-19 botou por terra a traxectoria de Miguel Ángel Villarroya á fronte da cúpula das Forzas Armadas. Por carta solicitoulle hoxe a Margarita Robles o cesamento, que é en realidade unha dimisión. Villarroya tivo un papel activo na loita contra o coronavirus como membro do Comité Técnico de seguimento da pandemia e como un dos xestores da actividade da UME. Pero poñer a primeira dose da vacina antes de tempo acabou por descabalgalo da Xefatura do Estado Maior da Defensa.
Iso era algo que se podía intuír cando Margarita Robles anunciaba, onte pola tarde, que pedira un informe sobre o caso. Chovía sobre mollado, despois da polémica pola vacinación prematura de alcaldes e conselleiros autonómicos de distintas cores políticas.
"Eu pedinlle ao Xefe do Estado Maior da Defensa que me faga un informe. Ao longo do día farame chegar o informe para explicarme o que saíu nos medios de comunicación e en función do que diga o informe, pois veremos", informaba a ministra este venres.
Miguel Ángel Villarroya indica na carta que leva "45 anos de carreira militar" e que procurou "que fose honesta e dominada polo espírito de servizo". En relación coa vacinación, indica que nunca pretendeu "aproveitarse de privilexios non xustificables" e que o fixo coa única finalidade de preservar a eficacia e continuidade da cadea operativa das Forzas Armadas.
O Ministerio de Interior, que encabeza Grande-Marlaska, cesaba esta mañá o oficial da Garda Civil que facía de enlace co Estado Maior da Defensa por vacinarse ao mesmo tempo que Villarroya, e iso precipitou esta dimisión por carta.