CRTVG

Buscar

Destilados ecolóxicos, a proposta dunha familia de Monterrei para dinamizar o rural

Publicado o 23/07/2021 14:44

Potenciar o rural e apostar polo produto e a cultura local é a filosofía desta empresa familiar dunha aldea de Monterrei que foi pioneira na comercialización de cervexa artesá. Aproveitaron a parada forzosa da pandemia para levar a cabo unha idea na que xa levaban tempo remoendo. Todo xurdiu nunha feira ecolóxica en Xinzo. "Vivimos no medio rural, dispoñemos de moitas cousas agrícolas. E da pataca podemos quitar alcohol, ou sexa, vodka, das patacas de aquí da zona. É unha forma de dinamizar o medio no que vivimos", di Pablo Casanova.

Contribuír a que a vida no rural non desapareza e seguir apostando polo ecolóxico é a filosofía de traballo desta familia. "Agora mesmo estamos a facer uns destilados derivados da cebada e da pataca, e por exemplo temos aquí estas bebidas espirituosas de malte, que sería o whisky, pero como non lle podemos poñer whisky, porque ten que estar nunha barrica durante tres anos, decidimos sacalo á venda pero doutra maneira", explica a responsable de márketing.

As referencias á cultura propia tampouco faltan. Cada produto está dedicado a unha celebridade galega, e as cervexas, ás mulleres pioneiras."Os licores que estamos facendo, como o xastré, ou o licor de pantalla, que son licores cos que queremos conmemorar o Entroido da zona na que estamos vivindo". O público está dando unha boa acollida a estes destilados, e eles xa están dándolles voltas a novas ideas.

Noticias web

23/07/2021