CRTVG

Buscar

Desprazamentos reducidos e xustificados tamén coas xuntanzas familiares no Nadal

Publicado o 20/12/2020 15:41

Os desprazamentos tradicionais por estas datas para xuntarse cos familiares durante o Nadal están á volta da esquina, pero este ano, o coronavirus, como non, introduciu diversas restricións. A partir deste mércores Galicia activa o peche perimetral co resto da península, e non se poderá entrar e saír agás por causas xustificadas. Unha desas excepcións é a xuntanza con familiares, que haberá que acreditar co DNI ou co libro de familia, pero que ofrece complicacions cos parentes indirectos.

Para estes últimos a avogada Ana Camiño aconsella "unha declaración xurada desa persoa que ías visitar declarando que é o teu parente e que nesas datas vai estar na túa casa".

A xuntanza con familiares tamén serve para moverse entre concellos que presenten peches perimetrais. Para os viaxeiros que veñan de fóra de Galicia, de lugares con risco alto de contaxio, é obrigatorio que se inscriban no rexistro de viaxeiros, para realizarlles unha PCR. Se veñen do estranxeiro, a proba xa a teñen que traer feita con 72 horas de antelación.
Coa novidade da normativa, pode darse o caso de que finalmente o viaxeiro acabe recibindo unha sanción. Nese caso recomendan seguir os prazos.

"Se nos chega unha notificación do proceso sancionador -aconsella Ana Camiño- hai que presentar alegacións si ou si, sempre que poidamos xustificar que tiñamos unha causa para desprazarnos. Porque temos a experiencia do confinamento de marzo que unha vez que eses procedementos chegan aos xulgados, os xuíces estánlles dando a razón aos cidadáns".

Con todo, o principio básico durante este Nadal é reducir o número de persoas nas xuntanzas familiares, que quedan limitadas a un máximo de seis adultos. O obxectivo é evitar unha nova onda de contaxios.

Noticias web

20/12/2020