Despois de moitos meses pechadas, volven as barras dos bares
Cafeterías, bares e restaurantes estrean hoxe o novo protocolo covid con dous niveis. O un, o básico, aplícase por defecto a todos os locais. O dous, para locais con máis medidas de seguridade.
Xesús Peón, dono do Café bar O Polígono: "Está ben porque ao final temos que saír adiante. Os protocolos tardan máis do que deberían porque desde que se anuncian ata que se levan á práctica hai incerteza, non só para nós senón para que a clientela se afaga ás novas normas. Xa o estabamos aplicando e é unha vantaxe. Vese que o que estabamos facendo estaba ben feito".
No café bar de Xesús locen as dúas cunchiñas. É un local grande, polo que é máis doado gardar a distancia entre persoas de metro e medio, que se esixe no nivel dous, o de maior seguridade. E tamén pode atender na barra.
Xesús Peón, dono do Café bar O Polígono: "Non, para nós non houbo ningún cambio porque xa estabamos co metro e medio de distancia, co medidor de CO2, coa ventilación, coa separación ao ser un local bastante grande, os xeles hidroalcólicos, a máscara usamos a FP3. Si, a barra pódese usar, pero a xente xa está afeita a que se atenda na mesa e espera, co cal hoxe a barra está tranquila".
A outra cara da moeda está noutro local. Non hai outra opción que quedar no nivel un, que é o básico. O espazo é pequeno e resulta moi difícil garantir a distancia interpersoal. O paradoxo é que ademais de ter a ocupación reducida á metade no interior, tamén lla reduciron na terraza, que xa non se pode ocupar totalmente, así que de onte para hoxe reducíronlle a ocupación.
Javier Seijas, xerente café bar Isla: "Gustaríame poder abrir a barra, pero ao ser un local pequeno no interior non me é rendible cumprir a serie de requisitos aos que me obrigan. E curiosamente no exterior, sen haber cambios na situación da pandemia, véxome afectado dun día para outro coa redución dun 25 %. Non entendo esa redución no exterior".
Chaman á responsabilidade de todos, tamén da clientela, para poder seguir adiante.