CRTVG

Buscar

Despois de 15 días sen pistas, a familia de Manuela Barbosa busca en Vigo e Pontevedra

Publicado o 27/07/2021 14:04

Manuela Barbosa leva desaparecida quince días. A súa familia segue tentando dar con ela. Agora buscan en lugares de acollemento de Pontevedra e Vigo e para xente sen recursos por se nalgún deles a viron. As pescudas da muller de Redondela seguen despois de que o sinal do móbil a situara en Ponte Sampaio. As súas fillas, Ana e Raquel, están hoxe en Pontevedra. Pegan carteis coa foto de Manuela Barbosa e buscan onde unha persoa sen recursos podería estar vivindo. Malia que súa nai levaba cartos cando desapareceu, pensan que puido gastalos ou perdelos.

"Seguen perimetrando a zona de Arcade e Soutomaior, rastrexando e buscando o teléfono móbil da miña nai. E como cremos que iso está máis que visto, imos ampliar as zonas de busca a Pontevedra e Vigo, pegando carteis, buscando en albergues e comedores sociais", di Raquel Álvarez Barbosa, filla da desaparecida. 

"Estamos desesperados por atopala. Eu creo que alguén a axudou de boa vontade e polo que sexa non sabe que miña nai está desaparecida. Eu doume conta de que persoas de Pontevedra que me coñecen non saben que é miña nai a que está desaparecida", di Ana.

As pescudas da Policía localizaron o sinal do teléfono móbil da desaparecida na zona de Ponte Sampaio, pero é unha zona moi grande para poder ratrexala. Ademais, que estea alí o sinal do móbil non garante que con el estea Manuela. A preocupación aumenta na familia despois de tantos días.

"Miña nai é unha persoa con moita medicación, con dicirche que só pola noite tiña que tomar 17 pastillas, con iso dígocho todo", explican.

Manuela foi vista por última vez hai 15 días pola zona do restaurante Avenida, de Arcade. É delgada, de pelo claro, ollos castaños, e levaba un vestido amarelo con flores e un bolsiño de palla o día en que desapareceu.

Noticias web

27/07/2021