Desmantelan varios grupos dedicados á exportación ilegal de residuos perigosos a terceiros países
Axentes da Garda Civil desmantelaron no marco da operación "Denay", coordinada pola Europol, varios grupos dedicados á exportación ilegal de residuos perigosos a terceiros países co resultado da detención e investigación de once persoas implicadas. Lograron neutralizar o envío de mercadorías deste tipo a países con economías en desenvolvemento.
As pescudas centráronse en empresas de Áraba, Biscaia, Salamanca, Valencia e Madrid, que recolectaban e enviaban residuos perigosos de xeito sistemático a países en que os tratamentos, ben pola falta de medidas de protección ambiental, ben polo barata que resulta a man de obra, xeraban moitos máis beneficios.
Estímase que este negocio ilegal move ata 17.000 millóns de euros cada ano. Os residuos enviábanse a países onde as condicións permitían maiores igresos a custa de causar danos graves ao ecosistema.
A organización adquiría os residuos en España e buscaba clientes en países como Libia, iraq, Ghana, ou Guinea Bissau entre outros. Eludían o control da Administración e utilizaban mesmo portos de saída de Francia ou Portugal.
Había diversos tipos de fluxos a distintas partes do mundo, en función do residuo. Algunhas empresas implicadas enviaban disolventes industriais en grandes cantidades para que os eliminasen en Libia. Alí vertían os compoñentes ao medio sen control, o que reducía de xeito considerable os custos. A colaboración francesa permitiu detectar o envío de motores de automóbiles e camións a Iraq para desbotar o que non vale sen xestión de reciclaxe. O perigoso destas prácticas resúmese en que simplemente a vertedura dos líquidos dos motores causa unha degradación do chan e a contaminación dos acuíferos da zona.
Tamén se enviaban camións despezados a distintos países africanos para, sen control administrativo e sen pagar custos de exportación, reutilizar partes e desbotar o sobrante no medio natural.
En España a eliminación dos residuos é custosa, o que permite que as emisións ou verteduras sexan case nulas.