Desmantelan un taller clandestino de reparación de armas en Pazos de Borbén
A Garda Civil desmantelou no concello pontevedrés de Pazos de Borbén un taller clandestino utilizado para a rehabilitación e reparación de armas de fogo e municións que despois eran vendidas de forma ilegal, segundo informaron fontes do instituto armado.
No marco da operación DUA foron detidas tres persoas e investigouse a outras dúas polos delitos de tráfico de armas, tenza ilícita e depósito de armas, municións e explosivos.
Ademais, realizáronse sete rexistros domiciliarios en Pontevedra, Vigo, Pazos de Borbén e Gondomar, en que a Garda Civil se incautou de preto de medio centenar de armas de fogo, máis de 8.500 cartuchos metálicos, 42 quilos de pólvora e numerosos canóns e pezas utilizadas para a manipulación das armas e a fabricación artesanal da munición.
A investigación permitiu dilucidar que un dos detidos tiña instalado na súa vivenda, situada en Pazos de Borbén, un taller clandestino dotado de todo tipo de maquinaria, ferramentas e pezas fundamentais para a reparación e manipulación das armas.
Tamén fabricaba de forma artesanal a munición metálica para as armas ilegais coas que traficaba, ante a imposibilidade de adquirila legalmente nunha armería.
Durante os rexistros, a Garda Civil localizou, coa axuda dun can do servizo cinológico, parte das armas envasadas nun dobre fondo practicado nunha parede construída con ladrillos.
A operación continúa aberta co fin de pescudar a orixe das armas que tiñan os números de serie borrados ou alterados.
Este é o segundo golpe policial ao tráfico ilícito de armas na provincia de Pontevedra nos últimos meses.
Nun caso precedente, a Garda Civil desmantelou un arsenal que un particular ocultaba na súa leira en Ponteareas.
Naquela operación foron incautadas 84 armas ilegais, entre elas subfusís, fusís de asalto ou metralladoras, e 3.400 cartuchos metálicos de diferentes calibres.